As praias de Galicia optarán este ano a un total de 117 bandeiras azuis

Galicia suma dúas candidaturas máis con respecto ao ano pasado, cando logrou 112 insignias.

 

A carreira para a consecución das bandeiras azuis xa comezou, e Galicia volve estar ben posicionada para situarse de novo nas posicións do podio deste recoñecemento convertido xa nun símbolo de calidade turística e un aliciente importante para moitos dos visitantes que chegan á comunidade. Un total de 117 areais galegos optarán este ano a lucir estas insignias creadas por a Foundation for Environmental Education (FEE), e xestionadas en España por a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), para distinguir a calidade das praias e as súas augas así como a dotación de servizos e a atención a criterios de accesibilidade e sustentabilidade.

 

Son dous areais máis que os propostos no 2022 e 5 máis que o total de insignias logradas ese ano, segundo destacou a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Belén do Campo, tras participar en días pasados na reunión do xurado nacional que concede estes distintivos.

 

Galicia sitúase así como a terceira comunidade que aspira a máis bandeiras, superada unicamente por Valencia e Andalucía, as mesmas coas que compartiu o podio de maior número de insignias o ano pasado, cando ademais puido presumir de ter o municipio máis distinguido: Sanxenxo, con 17 bandeiras.

 

Este ano serán un total de 34 (un máis que no 2022) os municipios galegos que presentaron candidaturas: 14 da provincia da Coruña, 8 de Lugo e 12 de Pontevedra. En canto á localización das praias que aspiran a lucir a insignia azul este verán, 38 están na provincia coruñesa, 19 no litoral lucense e 60 nas costas pontevedresas.

 

Haberá que esperar a mediados do mes de maio para coñecer o veredicto do xurado, pero a aspiración da Xunta, e tamén do sector turístico, é que lograr un pleno do 100 % e confirmar a Galicia un verán máis como un destino ideal para gozar das mellores praias.