A Xunta de Galicia poñerá en marcha un Plan Termal no 2025

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a medida durante a entrega do selo Galicia Calidade ao grupo Caldaria, a primeira incorporación do sector termal a esta marca.

O sector termal galego segue gañando protagonismo co recoñecemento ao grupo Caldaria como a primeira entidade do ámbito termal en adherirse ao selo Galicia Calidade, un distintivo que avala a excelencia e profesionalidade na xestión de servizos na comunidade. Este importante fito celebrouse a semana pasada nun acto que contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia, Jesús Picallo Santos, entre outras autoridades.

 

Durante a entrega, destacouse o liderado de Galicia como unha das principais potencias termais en Europa, grazas ás súas abundantes reservas de augas mineromedicinais e unha oferta de máis de 20 balnearios, que representan o 20% do total en España. Esta riqueza natural converte á comunidade nun destino de referencia tanto a nivel nacional como internacional.

 

Neste marco, Alfonso Rueda anunciou a posta en marcha dun novo Plan Termal durante 2025, cun investimento de 8 millóns de euros. Este proxecto ten como obxectivo principal consolidar o termalismo como un piar estratéxico do turismo galego, reforzando a calidade da oferta existente e promovendo novas iniciativas. Entre as medidas contempladas, destacan a creación de novos establecementos, a modernización das instalacións actuais, a implementación de estándares de calidade mediante un manual de boas prácticas, e o impulso de accións de formación e marketing especializado.

 

Ademais, o Plan prevé a creación dun observatorio destinado á investigación turística, que permitirá desenvolver novos produtos e experiencias adaptadas ás demandas dos visitantes. Estas accións non só buscan preservar o patrimonio natural e cultural vinculado ao termalismo, senón tamén dinamizar as economías locais e posicionar a Galicia como un destino sostible e competitivo.