A Operación Verán trae a Galicia máis de 200 policías e gardas civís de reforzo
A comunidade forma parte do dispositivo estatal preparado para os territorios de maior afluencia turística.
Desde o pasado día 1 de xullo os corpos e forzas de seguridade do Estado reforzaron a súa presenza en Galicia con motivo do despregamento da Operación Verán 2022 posta en marcha polo Ministerio do Interiornos territorios de maior concentración turística. Galicia forma parte, xunto con Andalucía, Asturias, Canarias, Cantabria, a Comunidade Valenciana, as Illas Baleares, Madrid e Murcia, dos territorios que reciben máis visitantes durante a tempada estival e que se beneficiarán así dun despregamento que ten como obxectivo aumentar a vixilancia preventiva en vías de comunicación urbanas e interurbanas, estacións, portos, aeroportos, hoteis, praias e cámpings, así como en acontecementos que congreguen un gran número de persoas
A Operación Verán 2022 mobilizará un total de 2.442 policías nacionais e 1.187 gardas civís nesas nove comunidades, dos que 138 e 98, respectivamente, virán a Galicia. O dispositivo permanecerá activo ata o 31 de agosto e permitirá loitar tamén contra as ciberestafas en previsión a un aumento destas prácticas polo incremento do uso da internet para contratar aloxamentos, paquetes turísticos e outros servizos destinados aos viaxeiros. Ademais, o aumento dos axentes contribuirá a atender con maior rapidez á poboación e potenciar as tarefas de investigación.
Desde o Ministerio do Interior explican que este reforzo foi planificado tendo en conta tamén que a mellora da situación da pandemia da covid, os altos índices de vacinación en España e nos países da súa contorna, e a progresiva retirada das restricións para viaxar propiciarán un aumento da actividade turística.
Ademais, tanto a Policía Nacional como a Garda Civil dispoñen nas súas páxinas web de apartados específicos con información útil e consellos e recomendacións para que os turistas poidan gozar das súas vacacións con tranquilidade e seguridade.