A gastronomía galega cruzou a fronteira a semana pasada coa inauguración en Porto da Semana Gastronómica “De Tapas por Galicia”, unha acción promovida pola Xunta de Galicia para captar turismo portugués e poñer en valor a oferta culinaria galega en formato de tapa.
O acto de presentación tivo lugar no emblemático Mercado do Bolhão, un dos espazos máis representativos da cidade, e contou coa participación do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.
Esta iniciativa busca reforzar a conexión entre Galicia e Portugal a través da gastronomía, unindo tradición, creatividade e produto local como motor para atraer visitantes, especialmente nos meses de outono.
Do 15 ao 25 de outubro, sete chefs galegos recoñecidos (participantes no certame Sete cidades, sete sabores) ofrecerán as súas creacións no Mercado do Bolhão, achegando a cociña galega ao público portugués a través de propostas de pequeno formato. Entre eles figura Álex Ferreiro, chef do restaurante O Sendeiro (Santiago de Compostela) e gañador da última edición do certame.
A acción complétase cunha caseta promocional de Turismo de Galicia, onde os asistentes poden informarse sobre a oferta turística galega e participar en sorteos e degustacións. Ademais, o espazo acolle a exposición fotográfica Galicia, así como a proxección de campañas audiovisuais que mostran a diversidade paisaxística, cultural e gastronómica da Comunidade.
Con esta proposta, Galicia reforza a súa presenza no mercado portugués e consolida a súa imaxe como destino enogastronómico de referencia no noroeste peninsular.