A Deputación de Pontevedra inicia o proceso participativo da Estratexia de Turismo Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra inicia o proceso participativo da Estratexia de Turismo Rías Baixas

  • O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e o tesoureiro do CTG e presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, asistiron á presentación.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a deputada de Turismo, Nava Castro, presentaron o pasado xoves, 2 de maio, a fase participativa da elaboración da Estratexia Turismo Rías Baixas, coa que buscan consolidar á provincia como un destino turístico intelixente. Ao acto, que tivo lugar no Palacete das Mendoza, asistiu o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o tesoureiro do CTG e presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez.

 

O organismo provincial promoverá a participación de todos os grupos de interese do ecosistema turístico. O marco operativo desta ruta estratéxica para o destino Rías Baixas abarcará ata o 2027, cunha visión que sitúa o horizonte no 2030.

 

Rematada a etapa da análise estratéxica do destino, a Deputación comeza agora unha fase de escoita caracterizada pola participación co sector turístico, e pola posta en común de ideas. Deste xeito, celebraranse mesas de traballo: seis delas, centradas na “validación de diagnose”, convocadas en Vilanova de Arousa, Lalín, Marín, Vigo, Ponteareas e Baiona; e outras seis, centradas na “validación de alcance estratéxico”, convocando tamén á Mesa de Turismo.

 

Ademais, nesta fase previa ao deseño da estratexia, tamén se realizarán enquisas, incorporaranse as achegas de profesionais do sector e da cidadanía, e habilitarase unha páxina web na que se publicarán as novidades na elaboración do plan.