A cova máis grande de Galicia reabre as súas portas: unha aventura subterránea con dúas rutas para explorar

A cova máis grande de Galicia reabre as súas portas: unha aventura subterránea con dúas rutas para explorar

Con 7.000 metros de galerías, a Cova do Rei Cintolo volve a recibir visitantes este 2025, ofrecendo un percorrido accesible e outro máis desafiante até o seu río subterráneo.



A cova máis extensa de Galicia volve a estar aberta ao público, ofrecendo unha experiencia única para os amantes da exploración. Con 7.000 metros de galerías, a Cova do Rei Cintolo, situada en Mondoñedo (Lugo), consolídase como un destino imprescindíbel para quen busquen unha aventura subterránea chea de historia e natureza.

 

Dúas maneiras de descubrir este tesouro subterráneo


Desde o 1 de marzo, os visitantes poden elixir entre dous percorridos guiados. A opción máis accesible é a Galería Central, un itinerario de 300 metros pensado para quen desexen unha visita didáctica e apta para todos os públicos. Para os máis intrépidos, existe a posibilidade de aventurarse até o río subterráneo, unha ruta máis esixente que require boa forma física. O prezo da primeira opción é de 20 euros, mentres que a experiencia completa ascende a 40 euros.

 

Ademais das súas espectaculares formacións xeolóxicas, a cova alberga un importante legado arqueolóxico. Documentada por primeira vez en 1873, no seu interior atopáronse restos humanos do Paleolítico Superior, ferramentas líticas e evidencias de ocupacións medievais. Tamén é fogar de diversas especies de morcegos e pequenos invertebrados, o que reforza o seu valor ecolóxico e científico.

 

Horarios e como reservar


Durante marzo, as visitas á Galería Central están dispoñibles os venres, sábados, domingos e festivos en dous horarios: 11:00 e 16:00 horas. A partir de abril, engadiranse unha sesión extra ás 18:30 horas, e no verán será posible acceder calquera día da semana. A ruta até o río subterráneo, en cambio, está dispoñible todos os días, pero require reserva previa.

 

Para asegurar unha praza nesta experiencia única en Galicia, é necesario contactar co teléfono 982 507 177 e realizar a reserva con antelación.