Grande éxito de participación no I Encontro das Asociacións do Camiño de Santiago

Grande éxito de participación no I Encontro das Asociacións do Camiño de Santiago

Máis de 300 persoas procedentes de 28 países do mundo déronse cita no I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño, que deixou en Compostela moi boas sensacións nunha primeira edición dun encontro, promovido por Turismo de Galicia, que ofreceu un foro de debate sobre o Camiño, no que os participantes achegaron as súsas diferentes ópticas. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de pechar o evento, aproveitando para agradecer, unha vez máis, o traballo destas asociacións, espalladas polos cinco continentes. “Anímoos a continuar esta gran labor de difusión, promoción e impulso do Camiño porque cada un de vostedes conforma un pilar básico da peregrinación a Santiago de Compostela”, concluíu Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia destacou que este encontro tivo lugar nun ano clave para Galicia e, en especial, para o fenómeno Xacobeo, xa que Galicia celebra o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, “unha das máis célebres peregrinacións a Santiago na Idade Media”.

Como broche de ouro ao encontro, os asistentes percorreron a pé o último tramo do Camiño de Santiago, para máis tarde participar nun acto de homenaxe no antigo cemiterio de peregrinos e asistir a unha misa na Catedral na que puideron gozar do espectáculo dos “tiraboleiros” facendo voar o Botafumeiro. Como última actividade da cita, os peregrinos e os representantes das Asociacións asistiron a unha cea temática sobre o Camiño de Santiago no Hostal Reis Católicos.

Podes consultar aquí as principais conclusións do Encontro.