Galicia e Lazio alíanse para impulsar o Camiño de Santiago e a Vía Francígena a nivel internacional

Galicia e Lazio alíanse para impulsar o Camiño de Santiago e a Vía Francígena a nivel internacional

  • As rexións asinan un acordo de cooperación para potenciar a promoción turística e o intercambio de experiencias entre as dúas rutas de peregrinación máis emblemáticas de Europa.

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente da rexión italiana de Lazio, Francesco Rocca, asinaron en Roma un memorándum de entendemento para a promoción conxunta do Camiño de Santiago e a Vía Francígena. Esta alianza busca fortalecer a proxección internacional de ambos os itinerarios históricos, fomentando o seu valor cultural, espiritual e económico a través de accións coordinadas no ámbito do turismo, a investigación e a formación.

 

O pacto sélase nun contexto especialmente significativo para as rutas. En 2025, a Igrexa católica celebra o Xubileu Romano, mentres que en 2027 terá lugar o próximo Ano Xacobeo, dous fitos que atraerán a milleiros de peregrinos a Roma e Santiago de Compostela. Neste marco, a colaboración entre Galicia e Lazio facilitará a participación conxunta en feiras internacionais, o desenvolvemento de actividades promocionais e o intercambio de coñecementos sobre xestión turística e sostibilidade.

 

O acordo cobra especial relevancia dado o crecente interese dos peregrinos italianos polo Camiño de Santiago. En 2024, preto de 30.000 camiñantes procedentes de Italia recibiron a Compostela, o que posiciona ao país como a segunda nacionalidade con máis presenza no roteiro xacobeo, só por detrás de Estados Unidos.

 

Turismo slow e sostibilidade como eixos do acordo

 

O Camiño de Santiago e a Vía Francígena comparten unha esencia baseada no turismo slow, promovendo unha forma de viaxar centrada na conexión coa contorna, a cultura e a historia. A través deste acordo, as rexións reforzarán as súas estratexias de preservación do patrimonio e accesibilidade, apostando por un modelo turístico que garanta unha experiencia auténtica e sostible para os peregrinos do futuro.