Os 14 municipios que conforman o Xeodestino Galicia Suroeste iniciaron o proceso para obter a certificación Destino Turístico Starlight, un recoñecemento que avala a calidade do ceo nocturno e que o posiciona como un enclave privilexiado para a observación astronómica. Con esta iniciativa, o territorio aposta polo astroturismo coma un elemento diferenciador dentro da súa oferta turística, fomentando un modelo sostible que impulse a desestacionalización do sector.
O primeiro paso cara a esta distinción foi a adhesión formal á Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas, un compromiso clave para a protección e conservación da contorna. A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui uníronse neste proxecto co obxectivo de mellorar a calidade do seu ceo nocturno e potenciar a observación de estrelas como unha experiencia turística.
O proceso de certificación implica superar unha auditoría que avaliará aspectos como a calidade do ceo nocturno e diúrno, a implementación de sistemas de iluminación intelixente, a existencia de recursos culturais e naturais, a adecuación de infraestruturas e a satisfacción dos visitantes. Actualmente, xa se adxudicou a asistencia técnica para a certificación e trabállase na documentación científica, cuxa finalización está prevista para abril. Posteriormente, a Fundación Starlight levará a cabo a auditoría oficial, coa previsión de que o recoñecemento se outorgue no segundo semestre do ano.
Este proxecto enmárcase dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino A Despensa de Galicia, financiado con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation. A iniciativa non só fortalece a oferta turística do territorio, senón que tamén reforza o seu compromiso coa conservación ambiental e a loita contra o cambio climático, aliñándose cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Con esta aposta, Galicia Suroeste encamíñase a converterse nun referente do astroturismo, ofrecendo a visitantes e residentes a oportunidade de gozar da maxia do ceo nocturno nunha contorna protexida e sostible.