Previsiblemente Galicia superará este ano por segunda vez na súa historia o cinco millóns de turistas. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), á espera de contabilizar os últimos datos de novembro e decembro, a nosa Comunidade recibiu máis de 4,8 millóns de turistas que realizaron 10,4 millóns de pernoitas. Así pois, de manterse a evolución rexistrada ao longo dos últimos meses, este 2019 volvería superar a barreira histórica do cinco millóns de viaxeiros, algo que só tivo lugar no 2017, cando se contabilizaron preto de 5,1 millóns de turistas.
As cifras do INE constatan a boa marcha do turismo galego e a súa evolución positiva en comparación co conxunto de España. De feito, no que vai de ano, os hoteis galegos lideraron o crecemento de viaxeiros e de noites a nivel estatal. Ademais, a nosa Comunidade rexistra un comportamento positivo no tres grandes segmentos de mercado, especialmente no que se refire ao turismo estranxeiro. Así pois, o turismo interno creceu un 2,6%, o nacional un 4,7% e o internacional un 11,1% con respecto ao ano pasado superando os 2 millóns de noites, unha cifra que supón un máximo histórico.
Do mesmo xeito, rexistrouse unha mellora nos indicadores de rendibilidade que permitiron que o sector hostaleiro medrara un 8% no que vai de ano roldando os 300 millóns de euros de beneficio e a ocupación creceu case dous puntos, mentres que a estadía media mantívose estable.
Crecemento no mes de novembro
Con respecto ao mes de novembro, os datos do INE relativos á ocupación hostaleira (falta a extrahotelera) mostran a capacidade do turismo galego para crecer en tempada media-baixa e a pesar da inestabilidade meteorolóxica rexistrada nas últimas semanas. Neste sentido, a demanda hostaleira creceu un 1,1%, conseguindo as 505.406 noites, a cifra máis elevada dos últimos doce anos; mentres que o número de viaxeiros creceu un 2,2%, situándose nos 242.437.
Neste campo, destaca especialmente o crecemento de visitantes estranxeiros, con preto de 89.000 noites, conseguindo a segunda cifra máis elevada da serie histórica nun mes de novembro, só por detrás de 2017.