Galicia volve subir ao tren para mostrar moitos dos seus atractivos

A nova edición da campaña dos Trens Turísticos presenta dúas novidades e suma xa 14 itinerarios.

 

A Xunta, a Deputación de Ourense a través do Inorde e Renfe impulsan esta iniciativa que se desenvolverá entre marzo e outubro.

 

Un ano máis, e xa van dez, Galicia presumirá de atractivos turísticos coa axuda do tren. A Axencia Turismo de Galicia da Xunta, a Deputación de Ourense a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), e Renfecolaboran de novo na posta en marcha dos Trens Turísticos de Galicia, unha iniciativa coa que convidan a “descubrir distintos recunchos do país” desprazándose en tren para achegarse ata  lugares tan especiais como “o punto máis setentrional da península Ibérica e os cantís dos máis altos da Europa continental”; “os socalcos da viticultura heroica”, ou “xardíns de pazos con camelias en flor” gozando da gastronomía galega en adegas, queixerías e mesmo plantacións de té.

 

Nesta ocasión, o número de rutas crece de 13 a 14 con respecto ao programa do ano pasado. Así, mantéñense as rutas dos Faros, Pazos e Xardíns, Ribeira Sacra Sil, Ribeira Sacra Miño, Valdeorras e Ribeira Sacra, Rías Baixas, O Ribeiro e Rías Baixas, Monterrei, Lamprea, Mosteiros, a Ruta dos Queixos e o Tren das Mariñas. Desaparece nesta edición a ruta dos Camiños de Santiago, pero incorpóranse como novidades as itinerarios Camelias en Flor e Experiencia MEGA e A Coruña de 1906.

 

A campaña desenvolverase entre os meses de marzo e outubro e están previstas máis dunha trintena de viaxes, todos eles en sábado, e con saídas (en función da ruta) desde A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Ourense. O prezo dos billetes será de 45 euros para os adultos e 20 euros para os nenos de entre 3 e 13 anos. Ademais, os grupos de 10 ou máis adultos poderanse beneficiar dun desconto do 15 %.