Galicia rexistra un incremento de viaxeiros aloxados do 7% en outubro, reforzando o seu atractivo turístico fóra da tempada alta

Galicia rexistra un incremento de viaxeiros aloxados do 7% en outubro, reforzando o seu atractivo turístico fóra da tempada alta

  • Foi o mellor mes de outubro desde que se rexistran datos, no que tamén a rendibilidade hoteleira medrou un 10%

 

Galicia continúa avanzando na desestacionalización turística, tal e como recollen os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística referidos ao mes de outubro en hoteis e pensións.

 

A nosa comunidade rexistrou durante ese mes máis de 493.000 viaxeiros aloxados no sector hoteleiro, que fixeron preto de 895.000 noites. Estas cifras superan os valores rexistrados o ano pasado nun 7,7% e nun 4,5% respectivamente. Son os niveis máis altos conseguidos nun mes de outubro desde que hai rexistros. Este incremento fai que Galicia avance na súa desestacionalización, cunha tendencia que xa se mantivo nos primeiros cinco meses do ano, cando se rexistraron niveis de demanda hoteleira con crecementos entre o 34% e o 5% entre xaneiro e maio.

 

Durante o mes de outubro o sector hoteleiro tamén mellorou nun 10% os niveis de rendibilidade, cunha estimación de ingresos nominais de 39,6 millóns de euros en outubro (un 13,4% máis que o ano pasado); e tamén superior ao valor previo á pandemia, cando se facturaban 29 millóns de euros.

 

Segundo o INE, a rendibilidade hoteleira tamén medrou nos primeiros nove meses do ano, chegando a un 7%. As cifras globais de pasaxeiros e noites completaranse cando se contabilicen tamén os datos do resto de establecementos de aloxamento (turismo rural, cámpings, albergues, apartamentos e vivendas turísticas), na enquisa de establecementos extrahoteleiros que dará a coñecer en decembro.