Galicia rexistra este verán as cifras de demanda turística máis altas da historia

Galicia rexistra este verán as cifras de demanda turística máis altas da historia

  • Os datos do INE cifran en preto de 5 millóns as noites inscritas nos establecementos entre xullo e agosto, un incremento do 1,5%.

 

Os datos turísticos dos meses da tempada estival foron moi positivos para Galicia. Durante xullo e agosto rexistrouse o nivel de demanda turística (o número de noites nos establecementos turísticos) máis alta da historia nun verán, superando as cifras do Xacobeo 21-22. Os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) revelan un incremento do 1,5% como consecuencia dunha mellora na estadía media.

 

Con estes números, Galicia colocouse como o sétimo destino máis importante este verán, por detrás de Cataluña, Baleares, Andalucía, Canarias, Comunidade Valenciana e Madrid. A nosa Comunidade foi o primeiro destino da España Verde, da que forma parte tamén Asturias, Cantabria e País Vasco.

 

O 61% da demanda turística correspondeu aos hoteis e pensións, mentres que o 39% restante ficou no aloxamento extrahoteleiro (cámpings, albergues, apartamentos turísticos e establecementos de turismo rural). No que respecta ao mercado internacional, o número de noites tamén se veu incrementado nun 11,5% respecto ao ano pasado, con preto de 1,1 millóns de noites entre establecementos hoteleiros e extrahoteleiros.

 

No que vai de ano Galicia rexistrou máis de 4,8 millóns de viaxeiros, que realizaron máis de 9,5 millóns de noites en hoteis, pensións, cámpings, albergues, apartamentos turísticos e establecementos de turismo rural. Estas cifras supoñen un incremento dun 6% respecto ao ano pasado.

 

Así foi o mes de agosto

 

Segundo os datos dun informe experimental que realiza o INE a partir de teléfonos móbiles, Galicia recibiu un total de 392.659 turistas estranxeiros en agosto. Portugal foi o país con máis visitantes neste mes (122.720), seguido de Francia (84.900), Reino Unido (24.230), Alemaña (23.810), Suiza (21.496), Italia (17.046), Estados Unidos (16.203) e Países Baixos (15.527).

 

No que respecta a turismo nacional, a medición interprovincial rexistrou 1.416.804 movementos entre provincias en Galicia, entre os que se atopan 636.038 galegos. Por comunidades, a de Madrid é a que máis visitantes atraeu, cun total de 276.854, seguida de: Castela e León (88.291), Cataluña (85.804), Asturias (63.427) e Andalucía (62.225).