Galicia recibe o peregrino 300.000 coa previsión de pechar este 2018 cunha nova marca

Galicia recibe o peregrino 300.000 coa previsión de pechar este 2018 cunha nova marca

Os peregrinos chegaron desde 172 países e cada vez por máis rutas xacobeas

En decembro do ano pasado alcanzábase por vez primeira a cifra do 300 mil peregrinos chegados a Galicia. Este ano a cifra alcanzouse dous meses antes, e esta semana chegaba o peregrino número 300.000 o que fai prever que 2018 concluirá cunha nova marca histórica na chegada de romeus, que pode quedar por encima dos 320.000. Chegados desde 172 países ?e cada vez por máis rutas xacobeas- este novo fito demostra que Galicia “gusta, segundo asegurou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e fai que o Camiño de Santiago xa non sexa só un fenómeno exclusivo dos anos santos.

Neste sentido, lembrou que desde o Goberno galego está a traballarse no seu coidado e na súa promoción a través do Plan director do Camiño de Santiago, un instrumento cun investimento de 56 millóns e oito liñas de traballo. E cunha constante planificación, criterio e sentidiño: para mellorar, recuperar e conservar o patrimonio natural e cultural; para seguir apostando por un turismo responsable e diversificado; e para continuar pondo en valor o que nos diferencia a excelencia desde a tranquilidade e a autenticidade.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta referiuse á preparación do Xacobeo 21, un reto para o cal se conta coa nova Consellería de Cultura e Turismo, coa entrada da alta velocidade un ano antes do ano santo e coa rehabilitación integral da Catedral de Santiago. “Estamos a falar de preparar o mellor Xacobeo da nosa historia”, dixo, apelando ao espírito do Xacobeo 93, que colocou Compostela no mapa turístico e outorgoulle o título de cidade universal.