Galicia gaña peso na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes

Unha decena de municipios galegos e tres mancomunidades acábanse de incorporar á entidade de ámbito estatal.

 

Galicia xa é a terceira comunidade con máis municipios e entidades integradas na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes que puxo en marcha no ano 2018 o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Na última reunión da súa comisión executiva aprobouse a incorporación de 42 novos destinos entre os que se contan once municipios galegos e tres mancomunidades formadas tamén por concellos desta comunidade. Trátase concretamente dos municipios de Vigo, Arzúa, Melide, Monterroso, O Pino, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Samos e Sarria e das mancomunidades de Municipios Galegos do Camiño Francés, do Salnés e da Ría de Arousa Zona Norte.

 

Con estas novas incorporacións, son xa 22 os destinos turísticos galegos que forman parte desa rede de ámbito estatal, os mesmos que Castela e León, sendo Galicia unicamente superada por Canarias (con 23) e Andalucía (con 56).

 

A Rede de Destinos Turísticos Intelixentes foi creada co obxectivo de promover a conversión dos destinos turísticos españois en destinos intelixentes; fomentar a colaboración público-público e público-privada no desenvolvemento de produtos, servizos e actuacións; contribuír a garantir o liderado de España de intelixencia turística e garantir a calidade e a evolución do proxecto, fomentando a innovación e a tecnoloxía e promovendo as sinerxías e a transferencia de coñecemento.