Galicia pechou o 2022 con récord de ocupación

A comunidade pasou o ano pasado dos 6,5 millóns de viaxeiros aloxados e superou por primeira vez a barreira dos 12 millóns de noites pasadas.

 

A ocupación foi superior en 8 puntos á media nacional e Galicia mantivo a súa posición como sétimo destino máis importante.

 

A boa marcha do sector turístico galego durante todo o 2022 confirmouse cos datos globais do ano xa concluído. Galicia rexistrou durante o pasado exercicio un aumento importante do número de visitantes e noites pasadas superando non só amplamente (un 40 % máis) as cifras do 2021, senón tamén aumentando os números do 2019, previos á pandemia da covid.

 

Segundo os datos do INE destacados polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o acto celebrado en Chantadapara conmemorar o décimo aniversario da implantación na devandita localidade da multinacional hostaleira Hotusa, Galicia pechou o 2022 con máis de 6,5 millóns de viaxeiros e aloxados e superou por primeira vez a barreira dos 12 millóns de noites pasadas ao sumar 12,5 millóns de noites.

 

O avance rexistrado con respecto ao 2021 produciuse tanto no referente aos turistas nacionais, que aumentaron nun 22 %, como cos internacionais, que se duplicaron ata alcanzar os 3,1 millóns de visitantes chegados doutros países.

 

Desde a Xunta destacan que este incremento do número de visitantes e de noites pasadas deixouse sentir en todos os tipos de aloxamentos turísticos, pero especialmente nos albergues, que presentan o incremento máis elevado superando en máis do dobre as cifras do 2021. Este aumento dos albergues é froito da continuación do Ano Santo Xacobeo 21-22, posto que o aumento dos peregrinos durante o pasado exercicio permitiu bater tamén outro récord: o das compostelas concedidas nun só ano, que por primeira vez superaron as 400.000.

 

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no Parlamento galego, estas cifras permitiron que Galicia rexistrase durante o 2022 unha ocupación 8 puntos superior á media nacional e que mantivese a súa posición como o sétimo destino máis importante tras Canarias, Cataluña, Baleares, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Madrid. Ademais, Galicia avanzou na desestacionalización do sector turístico debido a que aínda que a tempada alta (xullo e agosto) concentrou o 38 % da demanda, a tempada media conseguiu ese mesma porcentaxe e a baixa levou o 24 % restante.