‘Galicia Calidade’ e a excelencia turística, protagonistas na presentación da Xunta en FITUR 2026

‘Galicia Calidade’ e a excelencia turística, protagonistas na presentación da Xunta en FITUR 2026

  • A presentación da Xunta de Galicia – Axencia Turismo de Galicia virou ao redor de marca país ‘Galicia Calidade’, centrándose na excelencia turística

 

Galicia volveu situarse no foco do sector turístico no marco de FITUR 2026 coa presentación de ‘Galicia Calidade’, unha cita que puxo en valor a calidade, a sostibilidade e o recoñecemento crecente do destino tanto a nivel nacional como internacional.

 

  • A identidade galega como elemento diferencial

 

Durante a presentación, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que ‘Galicia Calidade’ representa non só a excelencia turística, senón unha forma de facer as cousas baseada no coidado, a identidade e o esforzo colectivo, que se reflicte tanto no tecido empresarial como no ámbito cultural e creativo da comunidade.

 

Como exemplo do potencial sociocultural galego, mencionouse a recente selección do filme Sirāt para optar aos Premios Óscar 2026 nas categorías de Mellor Película Internacional e Son, un recoñecemento que reforza a proxección exterior de Galicia desde as súas propias raíces.

 

O acto serviu tamén para subliñar o modelo turístico galego, orientado á calidade e á sostibilidade, apostando por un crecemento equilibrado que permita seguir poñendo en valor a gastronomía, o patrimonio natural e cultural e a experiencia do visitante, sen perder de vista o benestar dos territorios e de quen os habita.

 

Entre os proxectos que exemplifican este enfoque destacáronse iniciativas como o Camiño do Litoral, con máis de 1.300 quilómetros ao longo da costa galega, ou fitos singulares como a eclipse solar total do próximo mes de agosto, que situará a Galicia como un dos mellores lugares de observación a nivel europeo.

 

Á cita asistiu o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, reforzando a presenza do sector turístico galego na feira. O CTG realizou a súa presentación ‘Arquitectos do lecer: profesionais dun turismo responsable’ durante a xornada previa.