Galicia asume a coordinación da marca turística ‘España Verde’

  • A Comunidade galega colleu o relevo do País Vasco durante a celebración da feira internacional do turismo, Fitur 2024.
  • Galicia liderará a organización e coordinación das actividades desta marca turística, da que tamén forman parte Asturias, Cantabria e País Vasco.

 

No transcurso da Feira Internacional de Turismo, Fitur, celebrouse o acto no que se oficializou o traspaso de poderes entre o País Vasco e Galicia, que asume este ano a coordinación anual da marca turística ‘España Verde’. Desta forman parte Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco. Esta iniciativa xorde co propósito de avanzar da man do ecoturismo e sostibilidade nos distintos territorios do norte peninsular.

 

No acto de relevo participou o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, e o conselleiro de Turismo, Comercio e Consumo do Goberno Vasco, Javier Hurtado, ademais de conselleiros doutras comunidades. O representante galego sinalou que a intención de Galicia neste 2024 é “continuar apostando pola España Verde para seguir facendo fortes aos destinos”.

 

Dentro das accións para esta anualidade inclúense actuacións promocionais para os mercados de Nova York, Londres, Berlín, Viena, Zurich, Milán, Roma ou París, entre moitos outros, e tamén unha acción especial de promoción da gastronomía destas autonomías en Lisboa. Ademais, Galicia impulsará o Camiño de Santiago como un elemento diferencial vertebrador das catro comunidades que compoñen a marca.

 

O máis destacado para este 2024 será o deseño do Corredor de Ecoturismo da España Verde, financiado con fondos Next Generation. Trátase dunha ruta que atravesa os principais lugares de especial interese natural das catro comunidades. Nesta iniciativa colaboran varios espazos naturais protexidos, ademais de empresas vinculadas á observación da fauna, de turismo activo e de aloxamento. O seu obxectivo é crear o maior corredor ecoturístico de Europa.