Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco queren converterse no maior corredor de ecoturismo de Europa

Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco queren converterse no maior corredor de ecoturismo de Europa

As catro comunidades que integran a iniciativa España Verde presentan un proxecto conxunto para ofrecer experiencias turísticas sostibles nos seus espazos naturais protexidos.

 

Galicia e as outras tres comunidades da cornixa cantábrica que forman a iniciativa España Verde (Asturias, Cantabria e o País Vasco) decidíronse a dar un novo paso para consolidar esta proposta e convertela no maior corredor de ecoturismo de toda Europa. Así o acordaron os representantes dos catro territorios durante a reunión que mantiveron esta semana nas instalacións de Laboral Cidade da Cultura, en Xixón. Este plan plasmarase nun proxecto que concorrerá ao programa Experiencias Turismo España e supoñerá un investimento de 800.000 euros para poñer en marcha unha rede de axentes colaboradores no territorio, así como para formar a empresas e xestores de recursos, deseñar e desenvolver experiencias, produtos e outros servizos inspirados en modelos verdes e sostibles, e xerar os materiais que permitan difundir o proxecto.

 

Todas estas experiencias turísticas sostibles serán ofrecidas nos espazos naturais protexidos das catro comunidades e para a súa posta en marcha contarase coa colaboración da Asociación de Ecoturismo de España. Os seus promotores, apuntan que este proxecto constitúe “a maior aposta turística de España Verde no seu conxunto nos seus máis de 30 anos de vida”.

 

Nava Castro, directora da Axencia Turismo de Galicia, encabezou a representación galega no encontro mantido coa viceconselleira de Turismo de Asturias, Graciela Blanco; a directora xeral de Turismo de Cantabria, Marta Barca; o viceconselleiro de Comercio e Turismo de Euskadi, Jesús María García de Cos, e persoal técnico das catro comunidades.

 

Na reunión acordaron tamén o programa de actividades promocionais que España Verde desenvolverá durante este ano e ao que destinarán un orzamento de 400.000 euros. Esa cantidade permitirá financiar accións como viaxes de xornalistas, operadores turísticos e blogueiros, asistencia a feiras e encontros especializados, campañas dixitais e a edición da nova guía “A Gran Ruta da España Verde”.