Galicia alcanza os 49 restaurantes con Soles Guía Repsol

  • ‘A Tafona’ acada a máxima distinción e reforza o posicionamento da alta cociña galega

 

A gastronomía galega volve situarse no máis alto do panorama nacional trala concesión do terceiro Sol a A Tafona, en Santiago de Compostela. En total, Galicia suma xa 49 restaurantes distinguidos na edición 2026, consolidando o seu peso dentro do mapa gastronómico español.

 

Á fronte do restaurante compostelán, a xefa de cociña Lucía Freitas lidera un proxecto profundamente conectado co territorio, co produto local e ca rede de pequenas produtoras galegas. A obtención do terceiro Sol non só recoñece a excelencia culinaria, senón tamén un modelo baseado en identidade, sostibilidade e coherencia coa contorna.

 

  • Novas incorporacións e crecemento territorial

 

A edición 2026 trae ademais boas noticias para o conxunto da comunidade. Sete restaurantes galegos incorpóranse cun Sol, ampliando a presenza de propostas repartidas polas catro provincias e reforzando o dinamismo do sector en distintos territorios.

 

  1. Marna (Pontevedra)
  2. Alberte (Vigo)
  3. O Secadeiro (Outes, A Coruña)
  4. El de Alberto (A Coruña)
  5. Gunnen (A Coruña)
  6. Vértigo (Sober, Lugo)
  7. Miguel González (Ourense)

 

No conxunto de España e Andorra, a guía outorgou 83 novos Soles, reflexo dun momento de transformación na alta cociña.  O crecemento do número de establecementos recoñecidos en Galicia confirma a evolución do sector gastronómico como un dos piares estratéxicos do turismo na comunidade. A combinación de tradición, innovación e compromiso co territorio continúa posicionando a Galicia como un destino gastronómico de referencia.