Exceltur prognostica un 2024 récord para o turismo

  • Segundo o Informe Perspectivas Turísticas presentado por Exceltur a principios de ano, o turismo achegará o 13,4% do PIB en 2024.

 

Exceltur presentou o seu Informe Perspectivas Turísticas co balance empresarial de peche de ano e perspectivas para 2024. Neste, o turismo eríxese como principal motor de crecemento real en España en 2023 en comparación con 2022.

 

Os datos que manexa a asociación revelan que o PIB turístico xa supón o 12,8% da economía española, confirmando a consolidación do sector. Non só iso, senón que o pasado 2023 tamén supuxo un incremento na creación de emprego, con 95.224 postos de traballos máis que en 2022 (o 17% do total xerado no país). Todo isto nun escenario dun maior crecemento en ingresos (+17,9% dos estranxeiros e +22,2% dos españois respecto a 2019).

 

Os bos datos esténdense a todos os subsectores: os aloxamentos hoteleiros medraron arredor dun 20% en comparación con 2019; as axencias de viaxe, un 13%; e as compañías de transporte, un 17%.

 

Máis concretamente, o 2023 tamén foi un bo ano para o turismo galego. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, avanzou durante a celebración de Fitur que o número de visitantes á comunidade ascendeu ata os sete millóns.

 

Poñendo a vista no 2024, Exceltur tamén trasladou as súas estimacións para o novo ano, revelando un novo avance do PIB turístico, que superará por primeira vez os 200.000 M€, supoñendo o 13,4% do PIB. Deste xeito, o turismo achegaría o 41,4% do crecemento real esperado da economía española.