En avión e en autobús, a promoción do Xacobeo 2021 vai sobre rodas

Alsa difundirá a imaxe do Ano Santo nos seus autocares e ofrecerá aos peregrinos un desconto do 15% nos billetes de volta
A Xunta tamén asinou un convenio con Iberia para vinilar un avión co logo do Xacobeo, así como con Vegalsa-Eroski e con Husqvarna

Iberia e Alsa únense á promoción do próximo Ano Santo a través da firma de senllos convenios que converterán ás dúas firmas en promotoras do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021. Ambos os acordos fixéronse públicos no marco de Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebrou a semana pasada en Madrid.

En virtude do acordo asinado con Alsa, o operador de mobilidade promocionará a imaxe do Xacobeo 2021 nos seus autocares, ademais de ofrecer aos peregrinos un 15% de desconto no seu billete de volta aos seus lugares de orixe. No caso de Iberia, a compañía comprométese a vinilar un avión coa imaxe do Xacobeo 2021 nunha acción que inclúe unha decena de actuacións divulgativas e promocionais vinculadas co próximo Ano Santo, volvendo implicarse na celebración do Ano Santo, tal e como leva facendo desde o Xacobeo 2004.

Finalmente no caso de Vegalsa-Eroski, o convenio asinado supón a inxección dun millón de euros ao Xacobeo mentres que a de Husqvarna suma 550 mil euros ao patrocinio do Ano Santo. Todos estes patrocinios suman un total de 9 millóns de euros para a celebración do próximo Xacobeo.

“O Xacobeo 2021 é un escaparate único para a nosa terra. Estamos ante unha oportunidade excepcional de mostrar nosa mellor versión, e neste obxectivo resulta imprescindible contar co apoio de administracións, asociacións e empresas como Alsa, recoñecida a nivel internacional”, explicou o titular de Cultura e Turismo, a tempo que destacou noutro acto o prestixio e o carácter internacional dunha empresa como Iberia, cuxa implicación permite á Xunta avanzar no proceso de implicar ás empresas e sociedade civil na promoción do próximo Ano Santo.