O Consello Provincial de Turismo lucense aprobou a continuidade do galardón entregado por primeira vez o ano pasado.
Por segundo ano consecutivo, o turismo sostible terá un premio específico na provincia de Lugo. Os membros do Consello Provincial de Turismo lucense, organismo consultivo da Deputación de Lugo do que forma parte o Clúster Turismo de Galicia, acordaron na reunión celebrada en días pasados dar continuidade ao Premio ao Turismo Sostible entregado por primeira vez o ano pasado con motivo da celebración nesa provincia da Copa España Creativa e no marco dos galardóns á excelencia turística.
“Cremos que mantelo no tempo é unha oportunidade para todas as empresas e entidades da provincia”, explicou respecto diso a vicepresidenta do Consello e deputada provincial de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. Ademais destacou que coa continuidade do premio refórzase o traballo que a institución impulsa para “consolidar un modelo de turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano, que pon en valor o patrimonio e que contribúe a xerar riqueza e emprego, sobre todo no rural”.
O Premio ao Turismo Sostible ten como finalidade recoñecer iniciativas que contribúan á sustentabilidade turística no ámbito social, económico e ambiental. Na súa primeira edición foi concedido ao proxecto das Cabanas das Chousas polo uso de caldeiras de biomasa, o coidado da súa contorna para para previr incendios forestais e a instalación de contedores de reciclaxe.