O sector turístico galego pechou o ano 2025 cunha evolución positiva en termos económicos, reforzando a súa capacidade de xerar valor e mellorando a rendibilidade da actividade, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Ao longo do exercicio, os hoteis e pensións acadaron uns ingresos de 451,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,2% respecto a 2024. Esta mellora da facturación veu acompañada dun aumento da rendibilidade global do sector do 7 %, consolidando unha tendencia de crecemento baseada na eficiencia e na optimización da oferta turística.
En canto ás pernoitas, o mercado nacional rexistrou o seu máximo histórico, con 6,4 millóns de noites, mentres que o turismo internacional se aproximou aos 4 millóns de noites, reforzando o peso dos mercados exteriores e a progresiva diversificación da demanda. O turismo de residentes en Galicia tamén mantivo un comportamento positivo, situándose en 3,2 millóns de noites, cunha evolución estable ao longo do ano.
Por tipoloxía de establecementos, o crecemento foi especialmente significativo nos aloxamentos extrahoteleiros, como cámpings, turismo rural ou albergues (+4 %), que amosaron unha evolución máis dinámica que os hoteis e pensións (+1,8 %). Este comportamento contribúe a unha repartición máis equilibrada da actividade turística polo territorio, con impacto directo na economía local e no desenvolvemento de zonas rurais.
Os datos correspondentes ao mes de decembro confirman esta tendencia positiva, cun incremento das pernoitas do 5 % respecto ao mesmo mes de 2024 e unha mellora do nivel de ocupación, pechando así un ano marcado pola consolidación dun modelo turístico máis rendible, diversificado e sostible para Galicia.