Co apoio do Clúster Turismo de Galicia, as empresas Viajes Interrias, Galiwonders, Pilgrim e Pambretours participaron nas Xornadas Directas de Turespaña celebradas en Cartaxena de Indias, unha roda de negocios B2B que reuniu a operadores turísticos e axentes especializados do mercado latinoamericano.
A presenza galega nestas xornadas permitiu consolidar a visibilidade do destino Galicia e avanzar no seu posicionamento coma un territorio diverso, preparado para ofrecer experiencias culturais, naturais e patrimoniais adaptadas a distintos perfís de viaxeiros.
Durante o encontro, os representantes galegos puideron amosar a amplitude e variedade da oferta turística de Galicia, poñendo en valor produtos e experiencias deseñadas para responder as demandas dun mercado en crecemento coma o colombiano. A participación permitiu tamén compartir propostas cun enfoque experiencial, con servizos integrados e atención especializada.
As xornadas serviron ademais para explorar novas alianzas con operadores turísticos e axencias locais interesadas en desenvolver produtos turísticos con garantías, soporte profesional e loxística adaptada aos estándares internacionais. Así mesmo, identificáronse oportunidades de crecemento no mercado colombiano, onde o interese polos destinos culturais e experienciais continúa a aumentar.
Como continuidade a este traballo de internacionalización, Turespaña anunciou a organización dunhas Xornadas Inversas en Galicia dirixidas ao mercado LATAM Premium, que permitirán reforzar os vínculos comerciais e achegar o destino á canle profesional latinoamericano.