O sector turístico galego pecha o verán cunha ocupación que acadou picos do 80% en xullo e do 90% en agosto

O sector turístico galego pecha o verán cunha ocupación que acadou picos do 80% en xullo e do 90% en agosto

  • A sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia destaca o incremento de turistas internacionais, especialmente americanos, franceses e italianos.
  • O sector apunta un aumento do emprego respecto ao verán anterior e a un crecemento dos salarios.

 

A tempada estival galega 2023 cumpriu coas previsións e pechou o mes de xullo cun nivel de ocupación de entre o 70% e o 80%, acadando as cotas máis altas en agosto cunhas porcentaxes de ocupación de entre o 80% e o 90%. Así se desprende da sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia, na que o sector apunta a uns bos resultados neste verán, que se ven reflectidos nun aumento do emprego e dos salarios respecto ao verán anterior.

 

As fontes consultadas sinalan, tamén, un aumento nos prezos que sitúan en torno a un 10% e a unha suba das materias primas de entre un 10% e un 20%, se ben hai quen apunta que estes custos puideron aumentar ata en máis dun 20%.

 

Por outra banda, este verán destacou especialmente polo incremento de viaxeiros internacionais, tanto procedentes de mercados xa consolidados para Galicia como o británico ou o portugués, como de Estados Unidos, Francia e Italia.

 

Provincia de A Coruña

 

Nunha análise por zonas, na cidade da Coruña acadouse unha porcentaxe de ocupación do 85% no mes de xullo e do 91% en agosto.  Destaca o aumento de viaxeiros internacionais, que pasaron de  representar un 20% dos turistas da cidade herculina a un 35% este verán cun crecemento de viaxeiros británicos, franceses e italianos, sendo este último un mercado novidoso para a cidade.

 

Na Costa da Morte, onde o Camiño de Santiago segue a ter unha notable influencia no incremento do fluxo turístico, as cifras de ocupación situáronse en torno ao 70% en xullo e ao 80% en agosto.

 

En Santiago de Compostela a porcentaxe de ocupación en xullo situouse no 76%, mentres que en agosto subiu ata o 82%. Destaca a chegada de cada vez máis viaxeiros procedentes de Estados Unidos, un mercado que está a gañar peso na cidade.

 

En Ferrol e comarca as fontes consultadas amósanse satisfeitas co desenvolvemento da tempada estival. Ademais, o Camiño Inglés está a atraer a un considerable número de viaxeiros, tanto nacionais como internacionais, ata este territorio.

 

Pontevedra

 

Na provincia de Pontevedra os datos de ocupación acadaron o 72% no mes de xullo e superaron o 80% en agosto. Na localidade de Sanxenxo a ocupación situouse próxima ao 74% en xullo e o 91% en agosto, sendo especialmente positivos os datos rexistrados en hoteis de cinco e catro estrelas, así como en apartamentos turísticos e cámpings. Algunhas das fontes consultadas na zona apuntan a unha redución nas estancias medias, se ben os profesionais amósanse satisfeitos co nivel de consumo en termos xerais.

 

Lugo

Na provincia de Lugo a porcentaxe de ocupación para o mes de xullo situouse no 79%, dato que crece en agosto ata o 90%. As fontes consultadas destacan a importancia do Camiño de Santiago neste territorio e sinalan que moitas das reservas que se esperan para o mes de setembro son de clientes que percorren a Ruta Xacobea.

 

Na Ribeira Sacra a porcentaxe de ocupación alcanzou o 85% en xullo e superou o 90% en agosto. O crecemento do Camiño de Inverno está a favorecer a chegada de peregrinos e peregrinas ata esta zona, na que o turista nacional segue a ser maioritario.

 

Ourense

As fontes consultadas en Ourense apuntan a un bo verán, similar ao do pasado ano. Destaca a influencia do Camiño de Santiago, así como dos viaxeiros que aproveitan a súa estancia para visitar Galicia no seu conxunto e achéganse a coñecer os recursos da zona como a Ribeira Sacra ou a gozar do termalismo.