O sector turístico afronta con optimismo o 2023

O novo Informe de Tempada de ObservaTUR pon en valor a resiliencia da industria do turismo e sinala que o 2022 foi o ano da recuperación.

 

A avaliación do ano recentemente terminado e as previsións para este 2023 centran o novo informe elaborado polo Observatorio Nacional de Turismo Emisor, ObservaTUR, que recolle tanto os testemuños expresados a través dun cuestionario por profesionais de axencias nacionais como as opinións do comité de expertos deste organismo promovido Amadeus, AON, Beroni, Carrefour Viaxes, IAG7/Airmet, Iberia, ILUNION Hotels, Mundiplan, ReiniziaT e a Unión Nacional de Axencias de Viaxe (UNAV) coa colaboración da Asociación Española de Profesionais do Turismo (AEPT), a Universidade Autónoma de Madrid, a través do Grupo de Investigación en Estudos Urbanos e Turismo (UrbyTur), e a firma consultora Task ONE.

 

Con respecto ao 2022, os expertos sinalan que foi o ano da recuperación e da renovación da industria do turismo e as viaxes grazas á reactivación das viaxes internacionais propiciada polo levantamento de moitas da restricións impostas por mor da pandemia da covid, así como ao arraigamento da cultura das viaxes combinada co desexo de desprazarse e recuperar a normalidade, e ao aforro que acumulado durante a emerxencia sanitaria.

 

Ademais, no informe indícase que durante o 2022 o sector demostrou a súa resiliencia e logrou unha recuperación en case todos os apartados, aínda que non foi total porque áreas como o turismo MICE non alcanzaron aínda os niveis previos á pandemia.

 

As perspectivas para o 2022 son positivas para a maioría dos profesionais das axencias de viaxe. A metade dos consultados prevé unha facturación superior á normalidade prepandemia e “por primeira vez en moito tempo hai estimacións positivas en canto ao emprego neste subsector”. A crise económica e o aumento dos prezos das viaxes son os principais motivos de preocupación, pero a pesar destes factores, “o índice de confianza empresarial (…) alcanza os valores máis elevados desde o inverno do 2018”.

 

Tamén os patróns do Observatorio apuntan que o 2023 será un bo ano “se a situación permanece máis ou menos estable”. Así, apuntan a que pode ser o ano da consolidación da confianza plena dos viaxeiros e confían en que o turismo e as viaxes poidan actuar como dinamizadores da economía no seu conxunto.

 

A primacía dos destinos nacionais, a recuperación do turismo MICE e o auxe do turismo cultural, de interior e o sostible son algunhas das tendencias apuntadas para este ano, segundo se pode ver no informe de ObservaTUR. O estudo tamén destaca que os territorios que traballasen en plans de sustentabilidade e sexan capaces de poñer en valor esas actuacións gozarán de maior notoriedade.