A ponte de maio sáldase cun 68 % de ocupación nos días centrais, segundo os datos do SIMADA

A ponte de maio sáldase cun 68 % de ocupación nos días centrais, segundo os datos do SIMADA

  • A estancia media mantense en tres noites e confírmase o aumento do turismo internacional, especialmente desde Portugal e América do Norte.

 

O sector turístico galego pechou a ponte de maio cunha ocupación media do 68 % entre o xoves e o sábado, segundo o último informe xerado por SIMADA (Sistema de Monitorización e Análise de Datos de Aloxamento). Aínda que o domingo se produciu un descenso significativo, cunha ocupación do 31 %, a media xeral da ponte situouse no 59,63 %.

 

Os datos confirman unha estancia media de tres noites, sen cambios respecto a as previsións iniciais. En canto aos prezos, o prezo medio por noite foi de 70,25 €, con variacións relevantes: os días fortes da ponte (xoves a sábado) marcaron prezos entre 74 e 75 €, mentres que a noite do domingo baixou ata os 55 €.

 

O informe destaca tamén o crecente peso do turismo internacional, que xa representa o 35,84 % dos visitantes, fronte ao 63,57 % de turismo nacional. Entre os mercados emisores internacionais, Portugal e América do Norte continúan liderando a chegada de viaxeiros, mentres que no mercado doméstico sobresae o turismo interno e a Comunidade de Madrid como principal orixe.

 

SIMADA, unha ferramenta estratéxica para o sector

 

Todos estes datos proceden de SIMADA, unha plataforma impulsada Clúster Turismo de Galicia co financiamento da Axencia Turismo de Galicia, e presentada oficialmente en FITUR 2025. Trátase dunha ferramenta gratuíta, sinxela e segura que permite aos aloxamentos acceder a datos de ocupación, tarifas e procedencia de visitantes en tempo real.

 

SIMADA combina información extraída dos propios sistemas de xestión dos establecementos con fontes complementarias como web scraping de plataformas turísticas, estatísticas do INE ou datos de AENA, garantindo sempre a confidencialidade dos datos. O seu obxectivo é mellorar a toma de decisións empresariais e estratéxicas no sector, dotando aos profesionais de maior capacidade de análise e resposta #ante tendencias de mercado.