Nace o programa Xacobeo Xove co obxectivo de impulsar a experiencia do Camiño de Santiago entre a xuventude

Nace o programa Xacobeo Xove co obxectivo de impulsar a experiencia do Camiño de Santiago entre a xuventude

  • A iniciativa pretende incentivar a experiencia do Camiño de Santiago entre a xuventude a través dun desconto de 200 euros.
  • Poderase adquirir a través das axencias de viaxe que se adhiran ao programa.
  • Poderán optar ao desconto todas aquelas persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que dispoñan do Carné Xove activo.

 

A Xunta de Galicia anunciou a posta en marcha do programa Xacobeo Xove, unha iniciativa que ofrecerá descontos adquiridos a través das axencias de viaxe adheridas ao programa. Esta iniciativa busca fomentar estes camiños como experiencia turística entre a xuventude.

 

A iniciativa poñerase en marcha o vindeiro mes de xullo. As estancias poderanse realizar ata o 10 de decembro de 2023 sempre e cando se compren antes do 30 de novembro de 2023. Poderán optar ao desconto todas aquelas persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que dispoñan do Carné Xove activo, é dicir, debe contar cun número de identificación do carné.

 

Para participar no programa, é condición que o usuario achegue como mínimo 100 euros de cofinanciación, aos que se sumarán os 200 que achega Turismo de Galicia. É dicir, a viaxe total custará, polo menos, 300 euros. O desconto adquirirase a través das axencias de viaxe que se adhiran ao programa.

 

O Clúster de Turismo de Galicia é unha das entidades colaboradoras no convenio a través do cal se lanza a iniciativa, no que tamén se atopa a Axencia Turismo de Galicia, a Consellería de Política Social e Xuventude, a Asociación de Viaxes de Galicia (AGAVI), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO).