O Parque Nacional das Illas Atlánticas disporá dunha guía de viaxe cos puntos de maior interese e información turística

O Parque Nacional das Illas Atlánticas disporá dunha guía de viaxe cos puntos de maior interese e información turística

  • O documento ten por obxectivo presentar de xeito atractivo e accesible os lugares de interese natural dos catro arquipélagos que compoñen o parque: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada

 

‘Un mar de ciencia, un mar de illas’ é o nome da guía de viaxe que promove a Consellería de Medio Ambiente, Administración xestora do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

 

O obxectivo desta publicación é dar a coñecer entre o público os puntos de interese dos enclaves insulares, permitindo que as persoas interesadas en descubrilos poidan comprender a historia e etnografía do territorio, e coñecer a flora e fauna que habita neles.

 

O manual permitirá que os visitantes poidan explorar as praias, miradoiros, enclaves naturais e puntos de interese histórico e cultural do Parque Nacional a través dun relato que vai máis alá de mostrar o seu valor paisaxístico. A publicación conta con mapas detallados de cada unha das rutas das illas (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada), ademais de información esencial para preparar a viaxe a cada unha delas. Nela atoparanse datos precisos sobre como chegar, onde pasar a noite ou onde comer.

 

Esta guía recibiu unha das axudas da Xunta de Galicia para iniciativas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, financiadas con fondos Next Generation, e conta coa colaboración do medio de divulgación científica Gciencia. O manual poderase atopar en formato PDF a través da páxina oficial do Parque Nacional das Illas atlánticas proximamente. Ademais, neste portal tamén se pode atopar un mapa interactivo no que crear o teu propio itinerario.