O gasto turístico internacional alcanzará os 59.000 M€ este verán

  • Segundo as previsións do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, durante a tempada estival prevese que chegue un 13% máis de turistas internacionais.

España prepárase para un verán histórico en termos de turismo internacional, con previsións que apuntan a un gasto superior aos 59.000 millóns de euros por parte dos visitantes estranxeiros. Este aumento representa un crecemento do 22% en comparación co ano pasado, segundo os datos proporcionados por Turespaña, baseados en modelos de series temporais.

 

O ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, comunicou estas previsións durante a súa visita á sede da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR) o pasado xoves, 11 de xullo. Hereu destacou que España espera recibir a 41 millóns de turistas internacionais durante os meses de xuño a setembro, un incremento do 13% respecto ao mesmo período do ano anterior.

 

O ministro subliñou a importancia do turismo como motor económico, destacando que o incremento no gasto turístico reforza o liderado de España no sector e contribúe significativamente ao Produto Interior Bruto (PIB) e ao emprego. Ademais, salientou a necesidade de seguir desenvolvendo un modelo de turismo sostible e inclusivo que non só preserve os destinos, senón que tamén mellore a calidade de vida tanto dos traballadores do sector como dos residentes locais.

 

O ministro tamén abordou a relevancia da sustentabilidade social, ambiental e económica do turismo. “O turismo é un xerador de emprego de calidade e o seu impacto beneficia á economía española no seu conxunto”, explicou.

 

Impulso á dixitalización do sector turístico

 

No contexto da súa visita a SEGITTUR, Hereu anunciou que 327 proxectos foron seleccionados para recibir case 70 millóns de euros en axudas da segunda convocatoria do programa “Última Milla”, parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado polos fondos europeos Next Generation. No que respecta a Galicia, e por provincias, un total de sete empresas coruñesas beneficiaranse con 817.625 euros; unha empresa de Lugo recibirá 130.000 euros e outras nove empresas da provincia de Pontevedra serán beneficiarias de 1.178.039 euros.