O Galicia Fórum Gastronómico acende os seus fogóns a vindeira fin de semana

O Galicia Fórum Gastronómico acende os seus fogóns a vindeira fin de semana

  • O encontro, no que participarán máis de 200 expositores, reunirá na Coruña a 25 Estrelas Michelin.

A vindeira edición do Galicia Fórum Gastronómico celebrarase do 7 ao 9 de abril en EXPOCoruña. Este evento, cuxa primeira edición en Galicia data do ano 2008, confórmase coma a maior cita gastronómica profesional do Norte de España. Trátase dun punto de encontro imprescindible para os profesionais do food service do noroeste peninsular.

 

Na súa novena edición, o fórum contará con máis de 200 expositores e exercerá, de novo, coma espazo de transmisión de coñecemento, de formación, de reflexión sobre o futuro do sector, e de compromiso coas boas prácticas. O tema central será a despensa atlántica co Porco Celta como protagonista, ademais da caza e da cociña a partir de auga de mar.

 

Durante as tres xornadas desenvolveranse diversas actividades, desde espectáculos de gastronomía en directo ata sesións de cociña con degustación. O FórumLab funcionará coma un espazo de reflexión onde se cociñan as ideas, dando lugar a mesas redondas e debates de temas de actualidade no sector. Outros espazos destacables son o da gastronomía líquida, no que terán lugar o Wine Circus e o Cóctel Bar Fórum; o Ágora, lugar de expositores e promoción de produtos; o Cook Trends, un espazo dedicado á restauración para os visitantes do evento; e o Craft Beer Market, un lugar dedicado en exclusiva ás cervexas artesás. Dentro do Fórum tamén terá lugar o concurso de pulpeiras, os Premios Picadillo, e a entrega do prestixioso Premio ao Cociñeiro Galego 2024.

 

Ademais, este 2024 o Fórum Gastronómico trae novidades coma o I Concurso Galego de Empanadas ou o Cheese Fórum, un espazo de networking e aprendizaxe no que se darán cita produtores do arco atlántico e no que poderán presentar os seus queixos, ideas e proxectos.