O evento solidario Estrelas no Camiño de Santiago reunirá 72 Estrelas Michelin en Galicia

O evento solidario Estrelas no Camiño de Santiago reunirá 72 Estrelas Michelin en Galicia

  • 33 cociñeiros de prestixio internacional participarán nesta comida solidaria.
  • A cita, que poñerá en valor o produto galego, será o 5 de xuño en Negreira.
  • Os beneficios irán para a Asociación Galega da Síndrome X Fráxil.

 

Un ano máis regresa o evento solidario Estrelas no Camiño de Santiago, promovido polo restaurante Casa Barqueiro cos irmáns Rogelio e Fran Rial Romarís á cabeza. Desta quenda serán 33 os cociñeiros de prestixio internacional que participarán na comida solidaria, acumulando un total de 72 Estrelas Michelin.

 

Martín Berasategui, Jordi Cruz, Elena Arzak, Javi Olleros ou Lucía Freitas son algúns dos chefs que se reunirán na Casa Barqueiro o 5 de xuño para preparar unha comida con produtos galegos. Os cociñeiros invitados, ademais de preparar o menú solidario, tamén percorrerán un tramo do Camiño de Santiago, descubrindo o patrimonio cultural da ruta xacobea.

 

O obxectivo deste evento é poñer en valor o produto galego e reunir fondos, neste caso, para a Asociación Galega da Síndrome X Fráxil. Esta enfermidade rara é unha das primeiras causas de discapacidade intelectual por herdanza xenética, unha doenza que ata o 80% dos pacientes descoñecen ter. Co obxectivo de axudar a dar máis visibilidade á enfermidade rara, todos os beneficios do evento irán para dita asociación.