O Clúster prepara a súa misión comercial para a TTG Incontri Rímini

  • A vindeira edición da feira internacional TTG Incontri Rímini celebrarase os días 11, 12 e 13 de outubro.
  • Hai 7 prazas dispoñibles e os interesados poden anotarse ata o 12 de setembro.

 

O Clúster suma unha nova data no seu calendario de accións internacionais para este outono. A agrupación xa traballa nos preparativos para desprazarse a terras italianas e participar na 60ª edición da feira internacional TTG Incontri Rimini, que se desenvolverá do 11 ao 13 de outubro. O CTG encabezará unha misión comercial na que poderán participar algúns dos socios da entidade.

 

O Clúster pon ao dispor dos asociados 7 prazas para tomar parte no evento. Están destinadas a representantes do sector da comercialización e distribución (maioristas e axencias de viaxe), así como do aloxamento (hoteis, cámpings, turismo rural, etcétera) e da oferta turística complementaria (turismo activo, náutico, MICE, novas experiencias…).

 

As persoas interesadas en participar na misión comercial deben enviar un correo electrónico a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com antes das 14:00 horas do martes, 12 de setembro, manifestando o seu interese e incluíndo os seus datos persoais (nome, apelidos, DNI) e os datos de facturación da entidade asociada ao CTG (razón social, domicilio social e NIF) para efectuar a pre-reserva.

 

A TTG Incontri Rímini é unha plataforma onde descubrir as últimas tendencias na industria de viaxes, coñecer profesionais e expertos de todo o mundo e facer crecer a súa rede e o seu negocio. Na derradeira edición participaron 2.200 marcas de todo o mundo, 20 rexións de Italia, 60 destinos internacionais e ata 1.000 compradores de 50 países diferentes.