O Clúster participará no Gastrotur do Ulla cun stand propio

  • O evento celebrarase do 17 ao 19 de maio na Estrada.

A Estrada acolle do 17 ao 19 de maio a feira GastroTur do Ulla, un evento que reúne a oferta gastronómica, turística e deportiva dos municipios bañados polo río Ulla. Alí estará o Clúster Turismo de Galicia, promocionando a oferta turística galega e iniciativas como Galicia Destino Sostible ou Galicia Destino Familiar a través dunha caseta propia.

 

Ademais de postos de exposición e venda de produtos co selo de artesanía alimentaria, na feira tamén se desenvolverán numerosas actividades. A actividade comezará o venres 17 ás dez da mañá no recinto feiral da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. A partir do mediodía, realizarase unha demostración de cociña utilizando produtos das terras do Ulla. A inauguración oficial do evento será ás cinco da tarde, seguida dun taller de montaxe de moscas para a pesca do salmón, dirixido polos artesáns Paco Porto e Antonio Vilariño. Esa tarde tamén se inaugurará a exposición fotográfica “Auga, pesca e vida”, do xornalista gráfico Antonio Hernández. Ademais, no exterior do recinto, haberá unha demostración de aeromodelismo da escola de Teo.

 

O sábado 18, as actividades continuarán coa entrega de premios do Concurso de Pesca do Salmón ás 12:00 horas, seguida de novos talleres de cociña en directo con produtos de calidade da zona. Pola tarde, levarase a cabo un taller de montaxe de aparellos de pesca cos artesáns Eloi Savedra e Santi Minas, así como unha cata de viños galegos. Tamén se realizará unha exhibición de aeromodelismo ao final da tarde.

 

O domingo 19, o taller de montaxe de moscas de pesca comezará ás 12:00 horas, seguido por unha exposición de canas artesanais de bambú de Suso Vilar. Pola tarde, levarase a cabo un showcooking con produtos das Terras do Ulla e outra demostración de aeromodelismo coa escola de Teo.