O Clúster de Turismo e ‘Galicia Destino Sostible’ participan nas Xornadas Directas en Benelux, organizadas por Turespaña

O Clúster de Turismo e ‘Galicia Destino Sostible’ participan nas Xornadas Directas en Benelux, organizadas por Turespaña

  • As xornadas celebráronse o 8 e 9 de outubro en Países Baixos, e o 10 de outubro en Bélxica.
  • O Clúster participou con “Galicia Travel Axencies”, incluíndo ata 25 axencias de receptivo, co catálogo “Galicia, un luxo para os sentidos”, e coa marca turística ‘Galicia Destino Sostible’.

O Clúster Turismo de Galicia e a marca turística ‘Galicia Destino Sostible’, acompañados pola empresa turística galega Galiwonders, veñen de participar nas Xornadas Directas de apoio á comercialización do turismo español nos mercados de Benelux, organizadas por Turespaña o 8, 9 e 10 de outubro nas cidades de Amersfoort, Breda (Países Baixos) e Edegem (Bélxica).

 

O evento celebrouse no marco de TravDay, un encontro networking cun formato similar a unha feira ao que acudiron operadores turísticos dos mercados de Países Baixos e Bélxica. Turespaña contou cun espazo propio no que se situaron os mostradores dos diferentes representantes españois, que chegaban á vintena.

 

Alí, o Clúster promoveu a oferta turística galega no mapa internacional, e realizou unha presentación aos operadores turísticos de Benelux, promocionando os catálogos de axencias de viaxe grosistas de receptivo e turismo de luxo. ‘Galicia Destino Sostible’ tamén participou cunha representante da oficina técnica da marca turística, quen achegou a Galicia máis sostible aos mercados internacionais, promocionando o compromiso do territorio co desenvolvemento sostible do turismo, así como ás empresas adheridas ao club de produto.

 

As Xornadas Directas organizadas por Turespaña son unha oportunidade para posicionar o noso país como destino turístico de calidade, seguro e sostible nos crecentes mercados emisores. No que vai de ano, o Clúster participou en diferentes misións internacionais como as organizadas para o mercado asiático (Seúl e Toquio).