O Camiño Inglés estrea novo albergue de peregrinos o mes de xullo

  • O presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, asistiu á inauguración do inmoble a semana pasada.
  • Será o primeiro albergue público de Ferrol.

 

O pasado luns, 5 de xuño, tivo lugar a inauguración do que será o primeiro albergue público de Ferrol. O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, asistiu a un evento no que tamén estivo presente o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o alcalde electo de Ferrol, José Manuel Rey Varela, ou o presidente da Autoridade Portuaria ferrolá, Francisco Barea, entre outras autoridades.

 

O albergue impulsará o Camiño Inglés entre os peregrinos que se dirixan a Compostela. Esta ruta xacobea é a cuarta máis empregada, tan só por detrás do Camiño Francés e das dúas variantes portuguesas. Estímase que o inmoble, localizado na antiga pousada da Casa do Mar de Ferrol, comece a funcionar o vindeiro mes de xullo, xa preparado para a tempada estival.

 

Con esta incorporación a rede pública galega xa suma 76 centros de acollida a peregrinos, dos cales 7 se atopan no propio Camiño Inglés. Deste xeito, o novo complexo ferrolán converterase no inmoble con maior capacidade da ruta, con ata 60 prazas habilitadas.

 

O Camiño de Santiago é un dos baluartes do turismo galego, referente del turismo sostible e familiar. Para continuar potenciando as rutas xacobeas como experiencia turística para a xuventude, a Xunta de Galicia lanzará o vindeiro mes de xullo o Bono Xacobeo Xove, unha iniciativa na que tamén colabora o Clúster de Turismo de Galicia.