O Camiño de Santiago renova a súa condición como Primeiro Itinerario Cultural Europeo

O Camiño de Santiago renova a súa condición como Primeiro Itinerario Cultural Europeo

  • Camiño segue sendo un escaparate de Galicia aberto ao mundo, unindo historia, cultura e sustentabilidade.

A Federación Europea do Camiño de Santiago, que integra administracións públicas de dez países, vén de anunciar a renovación da certificación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Este recoñecemento, que se outorga por parte do Consello de Europa, avala o traballo realizado durante os últimos anos para manter e conservar os criterios que fixeron posible esta honra hai máis de 30 anos.

 

Entre os aspectos máis valorados atópanse: a cooperación en investigación e desenvolvemento, o intercambio de coñecementos en diversas disciplinas e a promoción dos valores europeos de convivencia. Ademais, destacouse o esforzo realizado para poñer en valor a historia e o patrimonio cultural de Europa a través do Camiño de Santiago, así como o fomento do turismo cultural e o desenvolvemento sostible, respectando as identidades locais e rexionais.

 

O Consello de Europa distinguiu ao Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural en 1987. Desde entón, o fenómeno das peregrinacións evolucionou significativamente. Na actualidade, o número de Compostelás entregadas supera as 200.000, o que representa un crecemento do 16% respecto ao ano anterior. Así mesmo, obsérvase unha crecente internacionalización, cun 65% dos peregrinos procedentes do estranxeiro.

 

Ademais, nun acto celebrado o pasado venres, 5 de xullo, asinouse un importante acordo de colaboración entre a federación de asociacións xacobeas, Camiño Europa Compostela, e a Federación Europea do Camiño de Santiago. A este evento asistiu o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Este pacto destaca a importancia da cooperación e a xestión sostible do Camiño de Santiago, promovendo prácticas responsables e apoiando ás áreas rurais ao longo da ruta, especialmente aquelas afectadas polo despoboamento. Este acordo reforza o compromiso coa preservación do patrimonio tanxible e intanxible do Camiño, e mellora a acollida e hospitalidade ofrecida aos peregrinos.

 

O Camiño de Santiago continúa sendo un escaparate de Europa aberto ao mundo, unindo historia, cultura e sostibilidade nunha experiencia única para os peregrinos e visitantes.