O bono Xacobeo Xove, ampliado ata 2024

  • A Xunta de Galicia anunciou a ampliación deste bono turístico, do que agora tamén se poderán beneficiar os mozos de entre 12 e 30 anos que teñan Carné Xove. Os menores, deberán ir acompañados dun adulto.
  • Agora, as axencias maioristas poderán vender desde Galicia os seus paquetes turísticos a empresas de fóra da Comunidade.

 

A Xunta de Galicia anunciou a prorrogación do programa Xacobeo Xove, unha iniciativa financiada por Turismo de Galicia que se puxo en marcha o mes de xullo en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, o Clúster Turismo de Galicia, a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia (Agavi), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega) e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (Avipo), e que promove a experiencia do Camiño de Santiago entre a mocidade a través de descontos en paquetes deseñados (ou a deseñar polos usuarios) por axencias de viaxe galegas para calquera dos itinerarios xacobeos.

 

O programa amplíase ata novembro de 2024, aumentando tamén o número de beneficiarios. O rango de idade pasa dos 18-30 actuais, aos 12-30 anos, sempre que os menores estean acompañados por adultos. Outra novidade desta ampliación é a das axencias maioristas galegas, que poderán ofrecer os paquetes que comercialicen a axencias minoristas que operen noutras comunidades autónomas.

 

O obxectivo desta iniciativa é fomentar a peregrinación entre a poboación máis nova, contando coa colaboración das axencias de viaxe galegas que crean paquetes turísticos nos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago para os usuarios do Carné Xove, e cun prezo especial, que inclúe un desconto de 200 euros sobre o prezo habitual.

 

Desde a súa posta en marcha xa están activos máis de 60 paquetes turísticos que se poden consultar a través da páxina www.xacobeoxove.com, onde tamén se poden consultar os requisitos e desde onde as empresas poden unirse ao programa. Para calquera dúbida ou cuestión podes consultar a páxina oficial do programa Xacobeo Xove ou contactar na dirección de correo xacobeoxove@clusterturismogalicia.com ou no teléfono 881 505 103.