A entidade organizou para o día 24 o terceiro “Encontro Gastronómico e Cultural …E para comer, Lugo no Camiño”.
Unha serie de catas en cinco localidades da provincia completan o programa de actividades.
Os mellores sabores do Camiño e o transfondo cultural da tradición xacobea danse a man na terceira edición do Encontro Gastronómico e Cultural …E para comer, Lugo no Camiño, que organiza a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) para o luns 24 de outubro co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.
As actividades desenvolveranse no Museo Interactivo da Historia de Lugo e o programa inclúe a presentación do vídeo Lugo, porta de entrada a Santiago de todos os Camiños e dunha campaña publicitaria sobre reciclaxe. A continuación, os cociñeiros Nardo Eiroa, do restaurante Canedo, Diego López, do restaurante Bulló Xantar, Alejandro Méndez, dos Cachivaches, e Pablo Vila, da cadea Oca Hoteis, realizarán senllas demostracións gastronómicas con produtos de proximidade das Indicacións Xeográficas Protexidas e as Denominación de Orixe coas que colabora a Apehl. Xa pola tarde, o responsable de formación de Café Candelas, José Manuel Portelas, encargarase da demostración e da degustación Café dos Camiños a Compostela, e os nenos de entre 6 e 12 anos poderán participar nun taller e realizar unha viaxe virtual polo Camiño de Santiago.
Este terceiro Encontro inclúe ademais unha serie de catas en cinco localidades da provincia impartidas polo Instituto Galego do Viño, que xa deron comezo o martes 18 en Samos. Barreiros, o martes 25, e Palas de Rei, o mércores 26, son as dúas últimas citas deste programa anexo.
Máis información e inscricións en https://apehl.org/es/formacion/