Comeza a reapertura gradual dos albergues públicos do Camiño de Santiago

No marco do programa Camiño Seguro, Xunta e concellos con albergues municipais coordinan a reapertura dos establecementos, adaptados á nova situación para unha acollida segura

Co obxectivo de garantir unha atención segura aos peregrinos, os primeiros 28 albergues públicos (18 de xestión autonómica, oito de xestión municipal e dúas a cargo de asociacións) abren as súas portas nestes primeiros días de xullo nunha acción coordinada entre a Xunta e concellos para levar a cabo unha apertura gradual que permita dar asistencia aos primeiros peregrinos que volven percorrer os itinerarios do Camiño de Santiago. En calquera caso, a previsión é que o 1 de setembro todos os albergues estean xa operativos.

Cabe destacar, ademais, que durante este primeiro mes de xullo, os albergues públicos manterán unha capacidade máxima do 50%, mentres que no resto de albergues permitirase incrementar a porcentaxe até o 75%. Estes primeiros albergues son os situados na Gudiña, Begonte, Betanzos, Boimorto, Carral, Castroverde, Lalín, Laza, Mesía, Miño, Monterroso, Mos, Neda, Ordes, Pontecesures, Pontevedra, Puertas, Samos, San Cristovo de Cea, Sandiás, Teo, Trasmiras, Valga, Vedra, Verín, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía. Son os considerados máis necesarios e supoñen máis do 50% das prazas de aloxamentos totais en albergues en cada concello

Despois de máis de tres meses de peche pola covid-19, a Xunta dá soporte a albergueros e información aos peregrinos a través do seu programa Camiño Seguro, ademais de completar a posta en marcha coa repartición de material de sinalización e prevención (biombos, máscaras para os traballadores, xeles e solucións desinfectantes, dispensadores, papeleiras de pedal, luvas ou bolsas, entre outros).

Ademais, a Xunta mantén aberta unha liña de axudas para o sector turístico para financiar a adquisición de material de protección e facilita a adaptación dos negocios aos requirimentos de seguridade hixiénico-sanitaria contra a covid-19, así como formación específica para o persoal destes aloxamentos en materia hixiénico-sanitaria da que se beneficiaron 300 persoas que, ademais, puideron resolver tamén dúbidas durante estas semanas previas á posta en marcha co servizo gratuíto de asesoramento.

Sistema de reservas
Ademais, a Xunta ha posta en marcha un sistema de reservas nos albergues públicos a través da plataforma alberguesxacobeo.gal, co obxectivo de ofrecer maiores garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario. A través dela os usuarios teñen acceso a un buscador con todos os establecementos da rede pública mediante o cal poden efectuar o seu reserva e no que tamén é posible localizar os albergues en función da ruta na que estean situados.

O sistema facilitará as reservas desde o día anterior até as 13,00 horas do día de pernoica, o que convivirá coa posibilidade de obter praza ao chegar ao establecemento sempre que este dispoña de capacidade, facendo así compatible este sistema co espírito máis tradicional de acollida xacobea. Ademais, a través desta plataforma é posible realizar reservas para grupos de até cinco persoas. Non é preciso rexistrarse, aínda que está aberta esta opción para axilizar o proceso.

Para reservar a súa praza, os usuarios deben completar o seu nome, correo electrónico, data da reserva e, de maneira opcional, un teléfono de contacto. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Xunta enmarcada no programa Camiño Seguro para facilitar a peregrinación na etapa poscovid-19 cunha maior certeza e seguridade.