Clustertur_GNP, o novo Clúster transfronteirizo da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal

Clustertur_GNP, o novo Clúster transfronteirizo da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal

  • Galicia e o Norte de Portugal unen forzas cunha novo Clúster de Turismo.

O xoves, 1 de agosto, levouse a cabo a presentación do proxecto europeo Clustertur_GNP no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Este clúster transfronteirizo ten como obxectivo principal fortalecer o turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, buscando atraer a un público internacional e expandindo o seu alcance a mercados como Asia, América Latina, Estados Unidos e Canadá. A iniciativa conta cun investimento inicial de 700.000 euros.

 

A presentación estivo liderada por Nuno Almeida, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; Luís Pedro Martins, presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal; e Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia. Durante o evento, salientouse a relevancia do sector turístico no noroeste peninsular, destacando especialmente a importancia cultural do Camiño de Santiago como un eixo central.

 

O proxecto busca fomentar a colaboración entre os sectores público e privado de ambas as beiras do Miño, promovendo o networking entre os negocios locais. Ademais, fai fincapé na natureza sostible do turismo que o clúster pretende atraer, aliñado cos obxectivos europeos de sostibilidade.

 

O presidente da Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o secretario do CTG e presidente da Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra, César Sánchez-Ballesteros, tomaron parte no evento participando nunha mesa redonda centrada nas perspectivas da cooperación entre actores da Eurorrexión. A sesión foi moderada pola directora de comunicación da Eurorrexión, Begoña Íñiguez, e completada pola directora xeral da Associação de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Susana Ribeiro; o CEO de Living Circuítos, Rui De Carvalho Terroso; e a directora de vendas de Pousadas de Portugal, Ana Rita Amorim.

 

Durante a súa intervención, Pardal destacou os fortes lazos culturais que comparten Galicia e o país luso. “Portugal non só é un mercado prioritario para Galicia, é tamén un aliado estratéxico para a nosa terra. O clúster transfronteirizo permitirá compartir coñecemento e crear sinerxías entre os axentes participantes de ambos os lados da fronteira”, sinalou o presidente do CTG.

 

Próximos pasos

 

Anticípase que para finais de ano se realice unha nova presentación do clúster, onde se espera dar a coñecer novos produtos desenvoltos baixo esta iniciativa. O proxecto Clustertur_GNP representa un paso significativo cara á consolidación de Galicia e o Norte de Portugal como un destino turístico único e atractivo a nivel internacional.