Cesáreo Pardal “A Intelixencia Artificial abre un amplo abano de posibilidades para incrementar a competitividade e a sostibilidade do sector turístico”

Cesáreo Pardal “A Intelixencia Artificial abre un amplo abano de posibilidades para incrementar a competitividade e a sostibilidade do sector turístico”

  • O presidente do Clúster Turismo de Galicia interveu na inauguración da xornada “rIAs baixas: O camiño dos algoritmos”, organizada en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Axencia de Turismo
  • Especialistas de recoñecido prestixio analizan as oportunidades e retos que esta tecnoloxía supón para o sector

 

Baixo o título “rIAs baixas: O camiño dos algoritmos”, expertos vinculados á Intelixencia Artificial abordaron o pasado xoves, 23 de novembro, en Pontevedra, os retos e oportunidades que implica esta tecnoloxía para o sector turístico. O encontro foi inaugurado polo presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

 

Cesáreo Pardal destacou “o amplo abano de posibilidades que ofrece a Intelixencia Artificial para incrementar a competitividade e a sostibilidade do sector turístico”. Desde a “mellora da xestión, ou das estratexias de márketing á personalización da oferta, pasando pola mellora da atención ao cliente ata a eliminación das barreiras lingüísticas”. Ademais, o presidente do Clúster subliñou a importancia que teñen solucións tecnolóxicas baseadas en IA para mellorar a sostibilidade, pola súa capacidade de incrementar a eficiencia do transporte e a loxística, de reducir a pegada de carbono, o volume de residuos ou a xestión de fluxos turísticos.

 

A xornada, froito da colaboración do Clúster coa Deputación de Pontevedra e a Axencia Turismo de Galicia, reúne a expertos de  gran renome coma Javier Sirvent, Technology Evangelist; Elena Ibáñez, Singularity Experts; Virginia Seguí Monleon, HR Tech Manager; Thais Glod, InnoBound; Lázaro Royo, Zeus; Javier Martín, Renaiss.AI; ou Juan Antonio Gómez Bule, AREXDATA.

 

O encontro está dividido en tres grandes seccións: Unha charla centrada no enfoque práctico onde se explicarán os últimos avances en IA e como se empregan os robots na industria turística, titulada “O despertar da IA Xenerativa”; unha mesa redonda onde se debaterán as tendencias no sector e como a formación, o re-skilling e a IA van condicionar as novas profesións na industria turística, titulada “Capacitación e emprego no sector turístico”; e outra mesa redonda sobre a converxencia da tecnoloxía avanzada e sector turístico, titulada “Datos, IA e ciberseguridade aplicada ao turismo”. Podes visualizar a xornada completa a través de canle de YouTube do Clúster Turismo de Galicia.