Cesáreo Pardal defendeu no Congreso da AECIT o papel clave do Clúster durante a pandemia e para afrontar os novos retos do sector

Cesáreo Pardal defendeu no Congreso da AECIT o papel clave do Clúster durante a pandemia e para afrontar os novos retos do sector

O presidente do Clúster Turismo de Galicia participou no acto inaugural da cita bienal que este ano se celebrou en Ourense e interveu tamén nunha mesa redonda sobre competitividade turística.

 

O papel de interlocución entre o sector e a Administración e a posta en marcha de iniciativas como o Club de Produto Galicia Destino Sostible foron algúns dos elementos que destacou durante a xornada de clausura.

 

O Clúster Turismo de Galicia tivo unha destacada participación no XXII Congreso Internacional da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (AECIT) celebrado do 6 ao 8 de outubro na cidade de Ourense. O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, ademais de formar parte do comité de honra desta cita bienal cuxa sede foi pasando por cidades de toda España nas edicións precedentes, tomou parte tanto no acto inaugural do xoves 6 como nunha das mesas redondas da xornada final.

 

Cesáreo Pardal compartiu a responsabilidade de intervir na apertura oficial do congreso coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar; o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea; a vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Elena Rivo; o presidente da AECIT, Felio José Bauzá; a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, María Montserrat Cruz; e o presidente do comité organizador do congreso, José Antonio Fraiz, a quen felicitou polo labor desenvolvido e por converter á cidade de Ourense en sede deste congreso e, por tanto, punto de encontro para a reflexión e o debate de destacados expertos no ámbito do turismo.

 

Durante as tres xornadas que durou este XXII congreso da AECIT, pasaron por Ourense un centenar de especialistas do ámbito académico, científico, empresarial e institucional para analizar os retos do turismo no mundo pospandemia e desde o punto de vista da innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a competitividade. Este último aspecto foi, precisamente, o eixo da mesa redonda celebrada na xornada final deste sábado coa participación do presidente do Clúster Turismo de Galicia. Cesáreo Pardal compartiu tempo e reflexións co director xeral do grupo Oca Hotels e presidente en Galicia da Asociación Española de Directores de Hotel, Ramón Braña Cobas, e coa xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Emma González. Lidia Andrades, profesora da Universidade de Extremadura e experta en competitividade turística, exerceu de moderadora.

 

Na súa intervención, Cesáreo Pardal destacou o papel xogado polo Clúster no desenvolvemento turístico grazas á súa implicación directa “tanto na Estratexia do Turismo de Galicia 2017-2030 como no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro”. Tamén destacou a estreita colaboración coa Axencia Turismo de Galicia e a Xunta e o labor de interlocución entre o sector e a Administración desenvolvido polo Clúster á hora de adoptar medidas para facer fronte á pasada pandemia da covid. “Esta xestión conxunta da crise salvou a miles de establecementos que, doutra maneira, non poderían sobrevivir. E, ademais, permitiunos analizar as saídas. Galicia, nesas circunstancias difíciles, podía ofrecer seguridade aos visitantes, xa que a nosa oferta é dun turismo ao aire libre e moi pouco masificado. De aí o Destino Seguro que fomos capaces de comunicar, grazas a iniciativas como os bonos “Quedamos en Galicia”, en cuxa creación e desenvolvemento tamén participou o Clúster de maneira activa”.

 

Con respecto aos retos e o futuro do sector, Cesáreo Pardal avogou por un turismo baseado “no respecto das sociedades locais, da súa cultura e que favoreza o desenvolvemento das súas actividades económicas”, tal como promove o Club de Produto Galicia Destino Sostible posto en marcha polo Clúster coa colaboración da Xunta. Tamén destacou a importancia da plataforma Turespazo no ámbito da transformación dixital, puxo de manifesto o potencial de Galicia como referente de calidade e seguridade para dar resposta ao que demanda o visitante postcovid e defendeu a importancia da formación e a especialización dos traballadores do sector.