Cantabria recolle o testemuño de Galicia como coordinadora do destino “España Verde”

Cantabria recolle o testemuño de Galicia como coordinadora do destino “España Verde”

  • O destino, integrado por Galicia, Cantabria, Asturias e Euskadi, pechou 2024 con 19,8 millóns de visitantes, un 16% máis que o ano anterior.

 

Galicia cedeu a Cantabria a coordinación do destino turístico “España Verde” tras un ano no que a comunidade galega traballou en reforzar a proxección internacional e consolidar a marca. O acto de traspaso celebrouse na caseta de Galicia durante a primeira xornada profesional de FITUR 2025 e contou coa presenza do director xeral de Turespaña, Miguel Sanz.

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fixo entrega da coordinación ao conselleiro de Cultura, Turismo e Deporte do Goberno cántabro, Luis Martínez Abad, destacando os avances logrados durante a xestión galega. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), en 2024 o destino “España Verde” recibiu 19,8 millóns de visitantes, o que supón un incremento do 16% respecto ao ano anterior.

 

O crecemento de “España Verde” foi acompañado dun forte impulso no seu recoñecemento fóra das nosas fronteiras. Destaca a crecente atracción que o destino xera en mercados como Europa, Reino Unido e Estados Unidos, onde cada vez máis viaxeiros elixen o norte de España pola súa combinación de natureza, costa, gastronomía, patrimonio e cultura.

 

O traspaso da coordinación a Cantabria marca o inicio dunha nova etapa para o destino, que seguirá traballando no seu posicionamento como unha opción única para aqueles viaxeiros que buscan autenticidade e paisaxes singulares.