O faro de Cabo Silleiro convértese nun hotel sostible que aposta pola diferenciación e o aproveitamento responsable do patrimonio

O faro de Cabo Silleiro convértese nun hotel sostible que aposta pola diferenciación e o aproveitamento responsable do patrimonio

Galicia dá un paso máis na súa estratexia de turismo sostible coa posta en marcha do novo hotel no faro de Cabo Silleiro, en Baiona. Trátase dun proxecto pioneiro na provincia de Pontevedra que combina a preservación patrimonial, o aproveitamento de infraestruturas públicas e un modelo turístico diferenciado, plenamente respectuoso coa contorna e co marco legal da Lei de Costas.

A concesión, promovida pola administración estatal e xestionada pola empresa Lighthouse Baiona, permite manter a función orixinal de sinalización marítima do faro, ao tempo que se integra unha oferta de aloxamento e restauración de calidade, pensada para un viaxeiro que busca experiencias singulares e auténticas.

O acto de inauguración contou coa presenza de diversas autoridades, entre elas o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o vicepresidente, Jesús Picallo. Ambos destacaron a relevancia deste tipo de iniciativas como exemplos de aproveitamento intelixente do espazo público e de aposta por un turismo que suma valor sen restar ao territorio.

“O novo uso do faro de Cabo Silleiro é unha mostra clara de como se pode facer turismo con respecto, xerando riqueza e diferenciación sen comprometer os recursos naturais nin o noso patrimonio cultural”, sinalou Cesáreo Pardal.

Pola súa banda, Jesús Picallo subliñou que “apostar por recuperar espazos emblemáticos con usos turísticos sostibles é unha forma de conectar o noso pasado coas novas demandas do viaxeiro actual, máis consciente e esixente”.

O novo hotel conta con 17 habitacións e diferentes espazos comúns distribuídos nunha concesión de máis de 2.800 m², ademais dunha parcela de preto de 1.900 m². Todo o complexo foi remodelado mantendo a esencia arquitectónica e a funcionalidade orixinal do faro, que continúa operativo.

Cabo Silleiro súmase así a outros proxectos de referencia como os faros de Punta Insua (Carnota) e Illa Pancha (Ribadeo), consolidando unha liña de actuación que promove a desestacionalización e a posta en valor do patrimonio litoral galego desde unha perspectiva sostible e innovadora.