Bo comezo de ano para os aloxamentos turísticos galegos

Galicia alcanzou en xaneiro a segunda cifra máis alta de viaxeiros e noites pasadas para ese mes da serie histórica.

 

As cifras dos hoteis no primeiro mes deste ano aumentaron un 40 % con respecto ao 2022.

 

O sector turístico galego comezou o ano confirmando a tendencia á alza do 2022 e rexistrando uns bos datos de viaxeiros e noites pasadas que lle permiten rozar en ambos os casos o récord da serie histórica, marcado en xaneiro do ano 2020, en vésperas do inicio da pandemia da covid, segundo os datos feitos públicos pola Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia.

 

Os 192.730 viaxeiros totais rexistrados en xaneiro deste ano supoñen un aumento do 34,6 % con respecto ao ano pasado e quedan a un só punto da cifra histórica de xaneiro do 2020. Igual sucede coas noites pasadas, posto que as 360.000 deste comezo do 2023 supoñen un incremento do 32 % en relación ao 2022 e quedan a só 1.000 noites do récord alcanzado no primeiro mes do 2020.

 

Por sectores, o final do dobre Ano Santo Xacobeo 21-22 e a consecuente diminución da afluencia de peregrinos deixouse notar no ámbito dos albergues, que viron reducidos no primeiro mes deste 2023 o número de visitantes nun 33 % en relación ao 2022 e o de noites nun 36,8 %. Pero estas cifras foron amplamente compensadas polos hoteis e pensións. No caso dos establecementos hostaleiros, a variación con respecto a xaneiro do ano pasado foi dun 40 % máis de viaxeiros, sumando un total de 157.527, e a alza das noites, do 37,2 %, ata chegar ás 270.029. No caso das pensións, o aumento dos viaxeiros en xaneiro deste ano con respecto ao mesmo mes do 2022 foi do 31,6 %, alcanzando un total de 21.533, e o de noites, do 22,9 % sumando unha cifra total de 53.410.

 

Pola súa banda, os cámpings e os establecementos de turismo rural experimentaron incrementos máis modestos, mentres que os apartamentos turísticos sufriron un lixeiro descenso do número de viaxeiros (un 2,9 % menos), aínda que aumentou o número de noites pasadas (un 20,6 % máis).