Brillo de Soles Repsol para os restaurantes galegos

Omakase (A Coruña) e Terra (Fisterra) estrean o seu primeiro sol, e O Camiño do Inglés (Ferrol) e O Pazo (Padrón) suman xa dúas distincións.

 

Culler de Pau (O Grove), que xa conta con tres soles, recibiu un dos premios Sol Sostible #AlimentosdEspaña da Guía Repsol deste 2023.

 

Os restaurantes e cociñeiros galegos tiveron un papel destacado na gala celebrada o pasado luns 27 de febreiro en Alacante pola Guía Repsol para entregar os Soles cos que recoñece aos mellores establecementos do país. Catro restaurantes do noso terra foron protagonistas da xornada por estrearse nesta distinción ou ascender nun escalafón reservado a pouco máis de 700 locais de toda España.

 

Tanto O Camiño do Inglés, o desenfadado pero esmerado restaurante que dirixe en Ferrol o cociñeiro Daniel López, como O Pazo, o asador co que os irmáns Manuel (maître) e Óscar Vidal (cociñeiro) conquistan ao comensal desde Padrón con delicias á brasa, levantáronse á segunda posición do podio da Guía Repsol ao sumar o seu segundo Sol. Pola súa banda, Omakase, o sushi bar que rexenta en pleno corazón da cidade da Coruña Adrián Figueroa, e Terra, o restaurante que levou de volta a Fisterra a Brais Pichel, acceden a este selecto club ao lograr o seu primeiro Sol.

 

Ademais, a gala serviu tamén para homenaxear de novo aos restaurantes distinguidos neste 2023 cos premios Sol Sostible #AlimentosdEspaña de Guía Repsol creados para reivindicar “as propostas gastronómicas que apostan pola sustentabilidade centrada na loita contra o cambio climático e o uso responsable do produto”. Neste caso, aínda que o nome dos gañadores xa se deu a coñecer o pasado 13 de febreiro cun acto celebrado en Elxe coa presenza dos galardoados, volvéronse atopar en Alacante o pasado día 27. Alí estivo Javier Oleiros para recoller o premio outorgado ao seu restaurante, Culler de Pau (O Grove), que pode presumir tamén de tres Soles Repsol.