Avance do Plan Estratéxico de Turismo de Santiago e presentación de novas liñas de traballo e produtos turístico para 2019

Avance do Plan Estratéxico de Turismo de Santiago e presentación de novas liñas de traballo e produtos turístico para 2019

O Consello Municipal de Turismo de Santiago de Compostela, órgano participativo que reúne a representantes da administración, o sector turístico e diversas entidades da cidade para o diálogo, a participación e o asesoramento da toma de decisións da política turística municipal avanzou sobre o grao de execución do Plan Estratéxico do Turismo de Santiago 2017-2022, ademais de presentar os novos produtos de Turismo de Santiago e a previsión das principais liñas de traballo da entidade turística municipal para o 2019.

A xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentou un resumo das accións en execución dentro do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2022, cuxa finalidade é dotar a Santiago dunha guía de traballo e unha mirada a longo prazo que, máis aló do próximo Ano Santo, configure un destino sustentable e de calidade, cun maior entendemento entre turismo e poboación e maior xeración de riqueza, competitividade e rendibilidade do sector.

O ano 2018 serviu para avanzar nos cuaro grandes retos turísticos delineados – gobernanza, descentralización, desestacionalización e sostenibilidade- con accións específicas como o establecemento de canles definitivas de comunicación entre as administracións e o sector privado ou o deseño de produtos capaces de interesar aos visitantes fose de tempada, fóra dos circuítos tradicionais do mapa e con perfecta integración na vida da cidade e a súa contorna.

Turismo de parellas

Neste sentido, Turismo de Santiago presentou ao sector os produtos turísticos desenvolvidos durante 2018, entre os que destacan a creación de rutas literarias, a potenciación do turismo de compras, o renovado impulso ao turismo MICE -de reunións, congresos e incentivos- e a aposta polo turismo de parellas.

No deseño de produtos para a posta en valor da riqueza literaria galega, tivo especial protagonismo Rosalía de Castro, coa organización de rutas teatralizadas baseadas na súa vida e obra e a produción de elementos de mercadotecnia coa súa figura para a oficina municipal de turismo. A novidade vén da man de “Santiago do Bos Amores”, unha liña de traballo para a promoción das viaxes de parellas, tanto na modalidade de short break como para eventos de celebración de vodas ou compromisos no privilexiado escenario da cidade. A experiencia promocionarase cun minisite trilingüe para público final e un folleto dixital nas feiras especializadas.

Tamén se presentaron o vídeo promocional das Festas do Apóstolo como Festa de Interese Turístico Internacional e os novos materiais divulgativos do Santiago de Compostela Convention Bureau, que comprenden o vídeo de Santiago como destino de congresos, a nova guía dixital para o sector MICE e o folleto dixital para o nicho de incentivos.

Todas estas accións serán presentadas durante a celebración de Fitur en xaneiro do próximo ano. Nese marco tamén se darán a coñecer as accións turísticas previstas por Turismo de Santiago no 2019: accións de promoción nos mercados internacionais, a presenza nos eventos máis destacados do calendario, xornadas de traballo e workshops, captación de congresos, deseño e reforzo de produtos e comercialización, entre outras.

Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade a solicitude de ingreso da Asociación Unión Hostaleira Compostela. Esta vén sumarse á gran variedade de entidades, institucións e voces da cidadanía representadas no Consello Municipal de Turismo, entre as que se atopan o Concello de Santiago, os grupos políticos con representación no Pazo de Raxoi, a Xunta de Galicia e os axentes estratéxicos do sector turístico, comercial, cultural e veciñal.