Atlantic Sunset, un proxecto para promocionar o solpor galego como recurso económico e sostible

Atlantic Sunset, un proxecto para promocionar o solpor galego como recurso económico e sostible

  • O proxecto, coordinado polos profesores da USC Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois, procura identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol.

 

O fundamento do proxecto ATLANTIC_SUNSET é promover a contemplación do solpor como forma de turismo única, sostible, e integradora do Atlántico. Esta iniciativa nace a través da asociación de oito institucións de catro países: a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), Wireless Galicia, a Universidade de Sevilla, a Universidade de Oporto, a Universidade de Angers e a Universidade de Galway.

 

O proxecto, que recibiu máis de un millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2017, está coordinado polos profesores da USC Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois. O seu obxectivo é apoiar iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento da zona atlántica mediante accións conxuntas e o intercambio de boas prácticas.

 

ATLANTIC_SUNSET constitúe un fito no aproveitamento turístico sostible do recurso solar lonxe dos grandes destinos de postas de sol europeas. O proxecto céntrase na experiencia de diferentes grupos de investigación no ámbito da física e da xeografía para, ademais de aproveitarse da beleza natural do solpor atlántico, identificar e valorar os recursos endóxenos locais asociados ao sol.

 

A base do proxecto foi un estudo realizado polo catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, sobre os solpores europeos. A través do seu traballo identificáronse puntos estratéxicos en Galicia e Portugal para a observación dos derradeiros solpores continentais. Agora, no marco de ATLANTIC_SUNSET, vincularase a investigación coa coincidencia simbólica e histórica do Finis Terrae galego e francés, o Land’s End de Reino Unido, e os seus equivalentes en Noruega e Irlanda. Coma resultado deste proxecto identificaranse algúns dos mellores lugares para gozar do momento do crepúsculo.